top of page

Crónica IV Grovios Metal Fest

A noite de verán do 26 non lle puido ser máis favorable ó Grovios, que dende as 20:00h batía en Randufe cunha potencia aplastante. Por desgraza para min, e por motivos “persoais”, como se adoita dicir, non cheguéi a tempo para ver ós Arkham, a única banda de Tui presente nesta IV edición do festival. Débovos unha, rapaces, pero a veces hai cousas da vida que non se poden eludir. As miñas desculpas.

De todos os xeitos, á miña chegada, aínda con sol, estaban os Lethal Vice de Vigo no escenario. Por fortuna, pouco me perdín dos oito temas cos que tiveron a ben obsequiar ós presentes. Persoalmente xa coincidira con eles noutros festivais nos que estiven de paso, máis atendéndolle á barra que ó espectáculo, pero a música destes vigueses sempre me transmitiu moi boas vibracións. O 26, cando por fin os examinéi con atención, comprobéi que as miñas impresións iniciais eran acertadas: unhas máquinas os Lethal Vice. Diplomatic immunity, In greed we trust ou Psycho surgery foron alguns dos que sonaron, e que morro por escoitar gravados nese esperadísimo Thrash converters que sairá á luz a mediados de setembro deste mesmo ano. Seguide dando caña, mozos!

 

Unha vez finalizou o bolo dos Lethal Vice, cando por fin conseguín apartar a vista do escenario, puiden observar con máis detalle as instalacións do Grovios, na miña opinión de 10, que xunto cunha organización impecable, fan ó festival merecedor desa fama de “festival serio” e ben organizado que circula por ahí. Nada máis lonxe da verdade, este era o meu primeiro ano de Grovios, pero asegúrovos que visto o visto, hei repetir. Así dá gusto traballar!

 

Os primeiros acordes de Skinning, cunha puntualidade exacta, devolvíanme á realidade. A banda de Guimaraes (Portugal) comezaba a súa actuación. Teño que dicir que Skinning eran, probablemente, a banda á que máis ganas lle tiña do festival, e non defraudaron. Oito temas a golpes de death-metal, potentes, directos e moi contundentes, que 

convidaban a alzar cornos e mover melenas (os que a temos), frenéticamente. Incriblemente grandes foron xa dende o comezo algúns coma Mass execution ou  Acclaimed God, pasando por Infested land of decomposed corpse, para rematar por todo o alto con Blow me.

Case sen folgos e chorreando adrenalina, baixaban os Skinning do escenario para deixar sitio a Atomik Destruktor, boa mercancía tamén dende Braga, que a golpes de Attack of the virus ou War machine, mantivo o nivel en todo momento. Ningún “pero” fun capaz de poñerlle ata o momento ó festival: boas bandas, bo son e bo ambiente. Aínda que eramos poucos, estabamos cargados de enerxía e tiñamos moitas ganas.

A medida que ía medrando a noite, facíao tamén o público do Grovios, outorgando á actuación de Soldier o punto álxido. Thrash metal dende Asturies, que aínda tardou ben tempo en aparecer sobre as táboas, debido a un reaxuste de horarios, pois o Grovios, levándolle a contraria á eterna patoloxía de todos os festivais irmáns, non contento con ir sobre a hora, adiantouse uns cantos minutos nos que tería cabido polo menos outro concerto enteiro.

 Polo tanto, tocoulles “facer tempo” ós Soldier. A estes sí que os tiña eu máis que estudiados e foi un enorme pracer poder escoitar unha vez máis en directo eses temas do Gas Powered Jesus que tanto deu que falar en 2012. Sempre o diréi, un disco coma poucos. 

 

Unha boa festa foi o que montaron os asturianos no escenario, polo que pasaron varios compañeiros de Lethal Vice e Santi Ritter de Rock Galicia. Soldier non quixeron esquecerse tampouco nesta ocasión de agasallarnos coa súa versión do Cowboys from hell, que todos, e eu entre os que máis, celebramos como gran clásico que é.

 

 

Ás dúas da mañá e xa sobre a hora, Portugal volvía ó escenario do Grovios en forma de trío melenudo para non deixar que a festa decaera. As horas, a boa música, as ganas de festa, e por qué non dicilo, o alcol, fixeron da actuación de Pestifer outra das máis resaltables da noite en canto ó ambiente. Portáronse ben estes festivaleiros. Sobre as táboas, nada que obxetar, o grupo deu todo de sí e máis dende o primeiro ata o último tema.

 

 Non dabamos crédito pero a estas alturas chegaba a derradeira actuación da noite. Raze encargábanse de pechar esta IV edición do Grovios. Boa música dende As Pontes e digna despedida para un festival merecedor de todo o meu respeto e admiración. Grazas á A.X. Furabolos polo seu esforzo e dedicación e a todas as bandas polo seu traballo dentro e fora dos escenarios. Por máis anos, Grovios!

 

E falando de despedidas, aproveito esta crónica e a ocasión para despedirme tamén eu. Ata aquí a miña etapa en Galiza Metal, mais sobra dicir que seguiréi traballando, escribindo, entrevistando e facendo todo o que está na miña man en favor do noso panorama musical, e sobre todo, disfrutando con iso. Vémonos nos concertos e nos bares xente!

 

Alba Moledo.

 

CRÓNICA E FOTOGRAFÍAS: ALBA MOLEDO

 

bottom of page