top of page

Arrastro Rock 2013 - 20/7/13 (Redondela)

O pasado sábado día 20, Galiza Metal desprazámonos ben cedo ó Cadaval de Reboreda, en Redondela, para asistir ó  Arrastro Rock.

 

Na súa VII edición, o festival non defraudou ós asistentes, que cada ano van aumentando en número e chegan a Redondela con ese espíritu festeiro que caracteriza ó Arrastro.

 

Temos que destacar o privilexio tanto de asistentes coma de músicos, de poder desfrutar da música rock e metal en pleno contacto coa natureza, cousa que non adoita ser moi frecuente e que nós calificamos coma unha práctica canto menos curiosa e sobre todo, moi recomendable.

Ás 17:00 os primeiros festivaleiros comezaban a ocupar ese recanto de monte acondicionado para a celebración do evento, e pasadas as 18:00 horas, Circo de Pulgas comezaban a súa actuación a plena luz do día. Este grupo de Redondela, coas suas tres voces femininas ó fronte ofreceron corenta e cinco minutos dun estilo musical moi peculiar, versionando temas coma "Rolling in the deep".

 

A continuación, subiron ó escenario "Síndrome del Norte", unha banda formada por cinco mozos, tamén de Redondela, que versionaron á perfección varios temas da extensa discografía dos vascos Soziedad Alkoholika.

Os seguintes foron DREDD, arredor das 20:00 horas. Chegados dende Ponferrada, estes catro mozos amosáronnos corenta e cinco minutos do que é a súa discografía, composta por tres discos, o último deles editado en 2012 e sorprendéronnos chegando ó final da sua actuación coa colaboración do cantante de Mutant Squad, Pla, interpretando un tema de Pantera.

 

Pasadas xa as 21:00 horas, foi o momento dunha das actuacións máis sorprendentes da noite, a mans de Dantalion. A súa música directa e agresiva, mezcla de rabia e dor, non apta para calquera oído,  non deixou indiferente a ningún dos festivaleiros que neses intres xa enchían case por completo o recinto, ó tempo que ía escurecendo.

 

Dantalion daban paso a Dream Circus, chegados dende Portugal. Os cinco mozos viñan presentando o seu primeiro traballo, "Fear" e foron os encargados de dar o toque rockeiro da noite, nacido dunha confluencia de estilos diversos que desembocaron nesa particular interpretación do rock dos 90 cos tintes metaleiros característico deste grupo.

Con Dream Circus, transcorría a primeira parte do Arrastro Rock: bo ambiente e un público constante e animado, aínda que a esas horas seguía chegando xente ó recinto.

 

Un dos puntos fortes da noite pálpase coa actuación de Mutant Squad, que descargaron sobre o escenario todo ese potencial ó que nos teñen acostumados, incorporando nun dos seus temas a colaboración de Lain Romasanta, como xa fixeran no Festival Oubeade (Beade, Vigo).

Mutant Squad están nun claro momento próspero da súa carreira, cun recente novo disco no mercado e contando coma sempre, contando co apoio dos seus inseparables seguidores nesta nova xira, que os levará tamén ó Resurrection Fest o día 1 de agosto.

Despois desta actuación, chegou a quenda de Tálesien, polo que "cambiamos de chip" e pasamos do thrash a un metal máis melódico, pero que conseguiu colocar ó público do Arrastro nun dos momentos máis álxidos da noite, podendo observar nas primeiras filas un "headbanging" que se mantivo ata a despedida destes seis músicos, que repasaron a súa discografía con temas como "En tierra de nadie", "Arriesgándome" ou "The blind carpenter". O público quedou con ganas de máis, pedindo "bises" a berros, pero non puido ser por cuestión de tempo.

Moi pasada xa a 1:00 da madrugada, rozabamos  case o final do Arrastro Rock, posto que so quedaban por subir ó escenario dous grupos máis: The Ransack e Nocheni.

The Ransack chegaron a Redondela, cheos de forza, tamén dende Portugal, ofrecendo un concerto repleto de tintes melódicos ben executados, interpretando sobre todo temas do seu último disco, "Bloodline".

 

E para rematar as actuacións, subiron Nocheni ó escenario, co seu teclado característico ó fronte, que tivo que ser retirado posteriormente a causa de problemas técnicos. Nocheni foron outros dos que non defraudaron, á altura das circunstancias e prolongando a festa ata máis das 5:30 da madrugada.

 

Nada lle temos que recriminar ó Arrastro Rock nin á súa organización, agás algún puntual problema de acoples no equipo de son e a mellorable iluminación do escenario. Galiza Metal agardamos que participedes con nós na súa VIII edición, posto que é unha iniciativa moi fermosa, en plena natureza, con grandes grupos e inmellorable compaña.

 

Ata o ano que vén, Arrastro Rock, e parabéns por esta VII edición!

Crónica: Alba Moledo

Fotos: Nelly Varela

bottom of page