top of page

Galiza Metal entrevistamos á organización do Grovios Metal Fest, que este ano celebra a sua IV edición. Aquí vos deixamos todos os detalles do festival...

Entrevista á organización do Grovios Metal Fest

Galiza Metal: Boas! É unha honra contar con vós neste espazo da nosa web. Como ben sabemos, quén se atopa detrás da organización do Grovios Metal Fest é a Asociación Xuvenil Furabolos. ¿Cómo nace a asociación e cómo decidides emprender un proxecto coma o Grovios?

 

Grovios Metal Fest: Moi boas!! A Asociación Xuvenil Furabolos nace en outubro do 2009 co fin de promover a música e as bandas underground da zona do Baixo Miño, sur da Galiza e norte de Portugal. A idea xa nos estaba rondando pola cabeza dende hai moitos anos, ata que un día apostamos por esta iniciativa e comezamos con esta aventura que xorde da necesidade de aportar o noso grao de area á escena Underground galega e sobretodo á escena do sur de Pontevedra/ norte de Portugal, de promocionar ás bandas emerxentes e dalas a coñecer perante un público cada vez máis demandante e consumidor deste xénero.

 

GM: Levar a cabo un festival non é tarefa doada, contádeme cómo vos organizades no GMF, se dispoñedes dalgunha facilidade ou non, qué é o que máis vos custa sacar adiante de todo o proceso...

 

GMF: Na A.X. Furabolos traballamos de forma asamblearia e horizontal onde as propostas de todos os membros son aceptadas e debatidas ata chegar a un consenso. Durante o ano realizamos diferentes proxectos sempre relacionados con promover a música e a cultura Underground da zona, e estas actividades son a nosa principal fonte de financiación de cara ao GMF, xa que non dispomos axudas de ningunha administración, nin as queremos. Somos un festival que se autofinancia ao 100% e así queremos seguir sendo, con traballo e con esforzo pódense facer moitas cousas interesantes, e niso estamos, traballando a reo.

 

GM: O GMF vai este ano pola súa IV edición e dada a situación actual coa que nos “agasallan” as clases políticas, sacar adiante ano tras ano un proxecto así é todo un logro. ¿Cómo notades, dende a organización, que vai evolucionando o GMF? ¿Diríades que, por exemplo, este semella ser o seu mellor ano?

 

GMF: Bueno, non nos atrevemos dicir que este vai a ser o seu mellor ano nin o cartaz máis ambicioso porque pasaron bandas moi grandes polo GMF (Omission, Wako, Mutant Squad,  Revolution Within, Noctem, Megara, Strikeback...), pero sí nos atrevemos a dicir que vai a ser unha das edicións máis cañeiras, onde non vai a haber tregua nin tempo para acomodarse. En canto á primeira pregunta, a evolución do Grovios é notable. Comezamos hai 4 anos cunha proposta moi arriscada e nunha vila tan conservadora como Tui, onde os apoios a estes colectivos e a este tipo de actividades son inexistentes e, pouco a pouco, a base de moito traballo, fomos facéndonos un oco, un pequeno nome e chegando a máis xente; o que se manifesta nunha maior afluencia público cada ano no GMF.

 

GM: En canto ó cartaz deste ano, noto unha marcada presencia de grupos portugueses coma Atomik Destruktor ou Pestifer. O certo é que en Portugal hai moi boas bandas de metal, as máis delas descoñecidas polo público, en xeral. ¿Credes que as bandas portuguesas se valoran o suficiente á hora de telas en conta nos festivais da Galiza?

 

GMF: Dende o primeiro momento que nos plantexamos levar a cabo un festival de metal en Tui, sempre tivemos claro que contariamos con bandas do país veciño, xa que hai un gran número de bandas e de moita calidade, ademáis que a situación xeográfica do festival tamén inflúe á hora de escoller bandas portuguesas. Por sorte, e por proximidade supoño, nós fomos madurando os nosos gustos e criterios musical influenciados por un festival que para o Grovios sempre foi un referente, mesmo eles se refiren a nós como os seus irmáns pequenos, falamos do SWR, en Barroselas (PT); e esta influencia nótase claramente agora, sendo coñecedores e sempre tendo presente a moitas bandas portuguesas. Contestando á segunda pregunta temos que dicir que sí se debería de apostar máis polas bandas portuguesas na Galiza, os organizadores de festivais deberían de telas moito máis en conta á hora de elexir as bandas para os seus festis, porque temos moito que aprender do Underground portugués e moitas bandas por descubrir que son auténticas apisonadoras.

 

GM: A estas alturas xa deben estar concretados case todos os aspectos para a celebración do festival o vindeiro 26 de xullo. ¿Qué pensades que é o que máis vai entusiasmar ó público nesta edición?

 

GMF: A estas alturas sí é certo que a maioría das cousas xa están pechadas pero moitas outras ainda estamos traballando nelas. Quizais unhas das melloras máis significativas para esta IV edición é a relativa á parte técnica, tanto en son como en iluminación imos a dar un paso cara adiante.

 

GM: ¿Estades contentos co alcance que está tendo o festival? ¿Qué expectativas tedes para este ano?

 

GMF: En xeral sí que estamos contentos coa acollida que tivemos nos 3 anos anteriores, porque progresivamente se foi incrementando o aforo ano tras ano. Somos conscientes de que estamos nun momento complicado, tanto para vós que pagades unha entrada, como para nós que organizamos un festival, pero en xeral, e tendo en conta a situación económica actual, estamos contentos coa resposta da xente e coa repercusión do festival. Nesta IV edición agardamos manternos na nosa liña e que a xente responda como o fixo ata agora. 

 

GM: De cara á V edición do vindeiro ano, ¿qué melloras vos gustaría poder incorporar?

 

GMF: Para o próximo ano será o noso V aniversario e nos gustaría facer algo grande. Imos a traballar duro para mellorar considerablemente o GMF. Un dos aspectos fundamentáis que melloraremos será o Line Up, ademáis doutras cousas que xa temos en mente.

 

GM: Como organizadores de festival, ¿qué pensades que é o que máis adoita fallar en festivais veciños ou no voso propio?

 

GMF: Unha das cousas fundamentais no que pecan a maioría de festivais son os abusivos prezos, tanto en taquilla, como nas consumicións. No GMF somos conscientes disto e sempre temos uns prezos económicos. Outra carencia ou un grande fallo a nivel organizativo son os horarios, que nunca se cumplen; no Grovios isto o temos super claro e a puntualidade é a nosa principal seña de identidade, os horarios respétanse ao 100%.

 

GM: E en resumo, ¿cál é o obxectivo último do Grovios Metal Fest?

 

GMF: O obxectivo do GMF é dinamizar e promover o Underground galego-portugués, descubrir novas bandas, pasar unha boa tarde-noite de festa escoitando boa música e nun emplazamento ben xeitoso; con máis de 7 horas de música ao vivo e a un prezo, cremos, máis que asequible.

 

GM: Ata aquí a entrevista. Grazas unha vez máis polo voso tempo e agardamos que todo saia como está previsto. Aínda así, antes de rematar gustaríame que dedicásedes unhas últimas palabras a dicirlle ós lectores de Galiza Metal por qué deben asistir este ano ó Grovios Metal Fest...

 

GM: Vémonos no Grovios!

 

GMF: En primeiro lugar agradecer a Galiza Metal (un dos medios oficiais deste IV GMF) o apoio e difusión que estades a facer do festival, e en segundo lugar convidar a todo o mundo a que se achegue o vindeiro 26 de xullo de 2014 ao IV Grovios Metal Fest en Randufe, Tui. Necesitamos o voso apoio para que isto siga adiante. 

Para máis información ou calquera consulta entrade na nosa web                                                          (que nos vindeiros días xa estará actualizada) ou nas nosas redes sociais.

 

TODOS SOMOS GROVIOS!!

 

 

Entrevista Alba Moledo

 

 

 

bottom of page